You are in main content

Plan de emprego en vigor

Muller na cadeira de rodas con ordenadorlapis vermello a escribir gráfico

Para dar cumprimento ao obxectivo prioritario da Fundación ONCE , a ONCE e a súa Fundación desenvolveron, dende 1997, distintos plans nos que se plasmaba un compromiso concreto de creación de emprego e de participantes en accións formativas dentro do período temporal establecido para cada plan.

En 1997 púxose en marcha o primeiro Plan, o denominado “Plan 5.000/10.000”, cuxo obxectivo era a creación de 5.000 postos de traballo, así como a realizar 10.000 accións formativas para persoas con discapacidade durante o cuadrienio 1997-2000. Os resultados do plan desbordaron as expectativas máis optimistas: nos dous primeiros anos (1997-1998) superáronse as cifras establecidas.

En 1999 asinouse co Goberno da Nación un segundo Acordo Xeral sobre Cooperación, Solidariedade e Competitividade para a estabilidade do futuro da ONCE . Neste acordo fixáronse os novos obxectivos sociais en materia de formación e emprego de persoas con discapacidade para o período 1999-2008 que se plasmaron no denominado “Plan 20.000/40.000”. Neste plan formulábase como obxectivo a creación de 20.000 postos de traballo para persoas con discapacidade e a realización de 40.000 accións formativas. A Fundación ONCE adquiriu o compromiso de crear 13.000 postos de traballo e realizar 18.000 accións formativas no decenio 1999-2008. Nos cinco primeiros anos de execución deste Plan, o total de postos de traballo e prazas ocupacionais para persoas con discapacidade, creados como resultado da actuación de Fundación ONCE foi de 20.885, o cal supuña a superación do obxectivo global que a Área de Fundación ONCE tiña asignado no Plan. No mesmo período realizáronse accións formativas que beneficiaron a 28.240 persoas con discapacidade.

  • No ano 2004, para dar cumprimento e execución aos compromisos adquiridos en materia de formación e emprego para persoas cegas ou con outras discapacidades, co Goberno da Nación, no Acordo Xeral sobre Cooperación, Solidariedade e Competitividade para a estabilidade de futuro da ONCE , apróbase o “Plan 8.000/16.000 do Grupo ONCE ” sobre creación de emprego e formación para persoas cegas ou con outras discapacidades durante o período 2004 ao 2011. Os obxectivos deste Plan son a creación de 8.000 novos postos de traballo para persoas con discapacidade e prazas ocupacionais e desenvolvemento de cursos de formación a favor de 16.000 beneficiarios de persoas con discapacidade. Un ano despois da aprobación do Plan 8.000/16.000, no ano 2005, e tras valorar os obxectivos acadados, acórdase substituír o devandito Plan, polo Plan 16.000/32.000 da ONCE e a súa Fundación sobre creación de emprego e formación para persoas con discapacidade no período de 2004-2011. No período antedito, a ONCE e a Fundación ONCE comprométense a crear, preferentemente nas empresas de carácter ordinario a través da intermediación laboral, 16.000 novos postos de traballo para persoas con discapacidade e prazas ocupacionais e a impulsar e desenvolver cursos de formación a favor de 32.000 persoas con discapacidade.
  • Superados amplamente os obxectivos do denominado Plan 16.000/32.000 o 18 de novembro de 2011, o Consello de Ministros aproba un novo Acordo Xeral para o período 2012-2021, coa denominación de Plan 15.000/30.000, segundo o cal a ONCE e a súa Fundación comprométense a crear 15.000 novos empregos e prazas ocupacionais e a impulsar e desenvolver cursos de formación para 30.000 persoas con discapacidade. Dentro destes obxectivos xerais, correspóndelle á Fundación ONCE :
  • A creación de 11.800 postos de traballo.
  • A creación/consolidación de 2.400 prazas ocupacionais;
  • A formación de 14.000 persoas con discapacidade: 8.000 persoas con discapacidade en formación ocupacional e 6.000 en formación continua.

Cómpre salientar un cambio fundamental que se produce co Plan 8.000/16.000 e que continua co Plan 16.000/32.000 e o actual Plan 15000/30000, o compromiso de creación de emprego realízase apostando pola estabilidade do emprego, xa que para avaliar o grao de cumprimento do obxectivo de creación de emprego só se terán en conta os empregos xerados por terceiras empresas e entidades co apoio da ONCE e a Fundación que superen un determinado período de duración; no tocante ao emprego interno da Fundación ONCE e do seu grupo de empresas (FUNDOSA GRUPO) computarase o crecemento neto anual. Este cambio obedece ao compromiso da ONCE e a súa Fundación a favor da calidade no emprego das persoas con discapacidade.

O Plan 15.000/30.000

Dende xaneiro de 2012 a decembro de 2013 os resultados, respecto aos obxectivos fixados para Fundación ONCE no Plan 15.000/30.000 para o período 2012-2021, e segundo os informes correspondentes auditados, son os seguintes:

  • Creación de 7.589 empregos para persoas con discapacidade, que supoñen o 64% do obxectivo marcado para o período 2012-2021.
  • Creación de 902 prazas ocupacionais, que supón o 37,58% do obxectivo marcado para o período 2012-2021.
  • 18.161 alumnos con discapacidade formados, é dicir, o 130% do obxectivo marcado para o período 2012-2021.