Que facemos

Inserta e Inserta Innovación

You are in main content

Inserta e Inserta Innovación

Fundación ONCE e a súa entidade experta en inclusión laboral INSERTA  

INSERTA Emprego é a entidade para a formación e o emprego de Fundación ONCE. A súa actividade está dirixida a persoas con discapacidade que buscan traballo e/ou queren potenciar as súas habilidades ou adquirir outras novas. 

Ademais, facilita ás empresas a contratación de traballadores e traballadoras con discapacidade, ofrecéndolles asesoramento durante todo o proceso: subvencións, axudas técnicas e económicas, procura dos candidatos idóneos para o perfil que buscan, así como a adaptación do posto de traballo se for necesario. 

Actualmente, Inserta ten 36 oficinas repartidas por todas as comunidades autónomas nas que traballan 373 profesionais no campo dos recursos humanos (325 deles con discapacidade). 

INSERTA Emprego, tándem de cooperación co FSE  

A colaboración de Fundación ONCE co Fondo Social Europeo foi longa e frutífera, e pasa por programas operativos como o Programa Operativo de Loita contra a Discriminación, o Programa Por Talento, o Programa Operativo de Loita contra a Discriminación 2007-2013 ou os Programas Operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e o de Emprego Xuvenil (POEJ). 

POISES 

O novo Poises contempla a continuidade das actuacións de orientación e formación, así como a intermediación laboral en tres programas: Impulsa o teu talento 4.0, Fortalece o teu Talento 4.0 e Talento Diverso para o desenvolvemento sostible.  

O programa máis innovador é o denominado Mulleres en Modo ON-VG, que mellora a vida e o emprego das mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero. 

POEJ 

O Programa Operativo de Emprego Xuvenil está dirixido a mozos e mozas con discapacidade de entre 16 e 29 anos que estean dados de alta no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.  

Pretende formar o cadro de persoal de orientación en metodoloxías de actuación con familias; desenvolver e aplicar unha metodoloxía de traballo na contorna social e familiar dos mozos e das mozas con discapacidade; conseguir que as familias actúen como prescritoras doutras que estean na mesma situación; xerar unidades de proximidade na actuación coas familias que permitirán acceder ás contornas rurais e traballar con orientadores de colexios e centros. 

INSERTA emprego: os nosos servizos a mozos e mozas demandantes de emprego NON TE RENDAS NUNCA 

O Plan Non te rendas nunca foi unha aposta de Fundación ONCE e Inserta Emprego para combater o desemprego xuvenil e favorecer a inclusión sociolaboral dos mozos e mozas con discapacidade, consecuencia da situación económica do país, adheríndose á Estratexia polo Emprendemento e o Emprego Xuvenil do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.  

No ano 2018, Inserta Emprego impulsou o roadshow “Non te rendas nunca” presentado co lema de “Esta oportunidade non pasa todos os días”, para atraer a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos con certificado de discapacidade igual ou superior ao 33%, e dotalos de recursos que melloren a súa empregabilidade. A inscrición de candidaturas realizouse a través do portal Noterindasnunca.org.

A última fase de “Non te rendas nunca” presentouse en outubro de 2018 cunha campaña integral con publicidade exterior, presenza dixital, accións con artistas e influencers. Ademais, contou cun vídeo protagonizado por mozos e mozas con discapacidade que, nunha peza cargada de forza e enerxía, amosan o seu espírito de superación e convértense nun exemplo para todos. Outra das accións de campaña foi a denominada Trazos de vida, que integra unha serie de encontros entre grandes artistas de toda España e mozos e mozas con discapacidade que serviron de inspiración para a creación de seis obras únicas que representan a importancia de non renderse nunca. 

Inserta Emprego e os seus servizos para mulleres con discapacidade: MULLERES EN MODO ON e NECESITAS INSERTA 

A taxa de actividade das mulleres con discapacidade sitúase no 35,2%, fronte ao 72,1% das mulleres sen discapacidade; a de emprego é do 30% fronte ao 57% e a de paro, do 29,3%, que no caso das mulleres sen discapacidade é do 21,3%.  

Esta realidade levou a Inserta Emprego a impulsar campañas de comunicación como “Pasa do NON ao ON”, unha iniciativa para fomentar o emprego das mulleres con discapacidade. As mulleres interesadas en acceder a unha oportunidade de traballo e formación só tiñan que entrar en mujeresenmodoon.es e rexistrarse. Automaticamente, quedaban inscritas na plataforma Portalento, o portal de emprego de Fundación ONCE.  

A segunda parte da campaña recibiu o título de “Mulleres en modo ON” e contaba cun vídeo no que as mulleres con discapacidade reivindican o seu lugar na sociedade como suxeitos de pleno dereito, á vez que ofrecen o seu talento e capacidades para contribuír a un mundo máis xusto no que a diferenza sexa un factor de enriquecemento común e non de discriminación.  

Outra das iniciativas de Inserta dirixida ás mulleres con discapacidade é #NecesitasInserta, unha sinxela e práctica serie de dez videotitoriais dun minuto cada un nos que unha experta en recursos humanos ofrece as claves para buscar traballo con éxito. 

Inserta Emprego e os seus servizos a empresas 

A intermediación laboral que realiza Inserta coas empresas apóiase en cinco fundamentos básicos: 

  • Informar da normativa aplicable en relación coa contratación, axudas, subvencións e beneficios sociais e fiscais. 
  • Buscar activamente oferta e demanda de emprego. 
  • Análise do posto de traballo. 
  • Prestar apoio técnico en todas as cuestións relacionadas coa contratación de persoas con discapacidade.  
  • Xestionar eficazmente as ofertas de emprego, presentando a candidatos que teñan a/s capacidade/s requiridas para o desempeño das funcións asignadas ao posto de traballo. 
  • Desenvolvemento de proxectos no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa. 
  • Asesoramento especializado. 
  • Establecemento de estratexias individuais de capacitación e de desenvolvemento para a adaptación da persoa ao posto: acompañamento no emprego. 

Inserta Emprego e a súa aposta polos mozos e mozas universitarios 

Inserta Emprego lanzou recentemente a campaña “Un futuro de medo”, para achegar os universitarios con discapacidade ao mercado de traballo e mellorar a súa formación. 

A preocupación de Inserta Emprego por este colectivo tamén se traduce na inclusión dun apartado específico para universitarios no seu portal de emprego no que lles ofrece servizos de busca de emprego, prácticas, plan de carreira, bolsas, cursos de inglés e coaching profesional. 

Inserta emprego e ODISMET: observatorio de discapacidade e mercado de traballo en España

Odismet é o Observatorio sobre Discapacidade e Mercado de Traballo de Fundación ONCE que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo. 

En Odismet pódese consultar un banco de datos con máis de cincuenta indicadores do mercado de traballo e discapacidade ordenados en seis apartados (integración laboral e tendencias do mercado de traballo; condicións de traballo e traxectorias profesionais; educación e formación profesional; políticas de emprego orientadas ás persoas con discapacidade; prestacións sociais e accións da ONCE-Fundación ONCE-Grupo Empresarial Ilunion orientadas á creación de emprego e á formación); a información sobre políticas de emprego, unha biblioteca virtual sobre inclusión laboral das persoas con discapacidade, un boletín informativo, así como informes monográficos e anuarios. Igualmente, ponse a disposición en ODISMET un servizo de consultas a medida. 

Inserta Emprego e a súa capilaridade nos territorios: alianzas MUNICIP 

Estes acordos, Inserta Municip, establecen un marco de colaboración para mellorar a situación no mercado laboral das persoas con discapacidade mediante asesoramento e formación axeitados ás súas necesidades. Tamén pretenden sensibilizar os cidadáns, empresarios e organizacións e institucións dos municipios sobre a necesidade de contar coas persoas con discapacidade. Así mesmo, prevén o deseño conxunto e a execución de accións específicas para mozos e mozas con discapacidade e impulsan a súa incorporación o mercado laboral e conciencian o tecido empresarial na aposta polo talento dos mozos e das mozas. 

Ducias de concellos sumáronse xa a esta iniciativa. Entre os últimos: Villaquilambre, Palencia, Galapagar, San Agustín de Guadalix, Lanzarote, Haro, Ávila, Pineda del Mar, Cádiz, Fuengirola, Logroño, Lucena, Alcañiz, Teruel, Vilagarcía de Arousa, Calahorra, Tarazona, A Estrada, Monzón, Algeciras, Junta de Comunidades de Castilla La Mancha, Almería, Salamanca, Alcorcón, Ejea de los Caballeros, Oviedo, Tudela e Ciudad Real. 

Foro Inserta 

O Foro Inserta Responsable, como plataforma de traballo en rede para os seus socios, permite compartir reflexións en torno ás prácticas postas en marcha polos socios para a inclusión de persoas con discapacidade nos seus cadros de persoal, xerando un vinculo estreito entre as empresas INSERTA e a Fundación ONCE, sustentado en relacións de confianza e de cooperación mutua.  

A creación deste Foro persegue unha dobre finalidade, por unha banda, servir de punto de encontro para compañías relevantes deste país a fin de compartir reflexións en torno á experiencia da integración de persoas con discapacidade nos seus cadros de persoal, xerando un vinculo estreito entre as empresas INSERTA e Fundación ONCE, sustentado en relacións de confianza e de cooperación mutua, e por outro, xerar un Foro de encontro e análise sobre as políticas de RSE e RSE e discapacidade. 

Na actualidade, forman parte do Programa e Foro Inserta 90 empresas líderes no noso país. 


Inserta Innovación

A Asociación Inserta Innovación é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1998 declarada de utilidade pública, que ten entre os seus fins o impulso da inclusión laboral e a promoción do emprego, en especial das persoas con discapacidade e daqueloutras pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou exclusión social. 

Así, a asociación será un centro de posta en común de reflexións e iniciativas sobre todas as cuestións que nesta materia afecten o común dos seus asociados. Estendéndose a súa finalidade á Información, Orientación e Procura de Emprego, o Servizo Integrado de Promoción de Emprego, Axencia de Colocación e calquera outro instrumento ou fórmula de intermediación e orientación laboral, así como á realización de actividades formativas nestas materias e actuacións en materia de accesibilidade universal necesarias para a plena inclusión social e laboral. 

Inserta Innovación traballa, xa que logo, no desenvolvemento de estratexias orientadas a optimizar os niveis de empregabilidade dos traballadores e traballadoras con discapacidade e daqueloutras pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou exclusión social, favorecendo a súa integración social mediante o seu acceso ao mercado laboral.  

Propón un modelo de intervención integral para o emprego cunha visión de globalidade que vai máis alá da mera posta en contacto de ofertantes e demandantes de emprego, ao contemplar accións específicas de información, motivación, orientación, mellora da empregabilidade, formación, actuacións en materia de accesibilidade universal e inserción profesional de traballadores e traballadoras con discapacidade e daqueloutras pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou exclusión social, erixíndose nun modelo de intermediación laboral eficiente e eficaz. 

Así mesmo, proporciona os empresarios servizos de consultoría orientados a garantir o éxito na selección e incorporación dos traballadores e traballadoras a través, fundamentalmente, da preselección de candidatos para as ofertas da empresa e plans coordinados de actuación para posibilitar as ditas accións. 

Ofrece orientación profesional especializada, a través do deseño dun plan personalizado de inserción; pon ao alcance do candidato accións que melloran as súas condicións de empregabilidade e participa na procura dun emprego axeitado ao seu perfil profesional. 

Ademais, promove a innovación, o coñecemento e a investigación no desenvolvemento de actuacións que fomenten a inclusión social. Tamén elaborará proxectos de formación que levarán a cabo todos/as ou algúns dos seus membros. Recompila e difunde documentación sobre a edición de calquera tipo de material que fomente a creación de emprego e a accesibilidade universal e contribúe á formación da opinión pública ao respecto. Para obter o máximo nivel de desenvolvemento e eficacia nos seus fins e obxectivos Inserta Innovación cooperará estreitamente con todas aquelas iniciativas que leven a cabo as distintas organizacións que traballan no eido da discapacidade e doutros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou exclusión social. 

MEMBROS 

Son membros da Asociación Inserta Innovación: 

  • Fundación ONCE para la Cooperación e Inclusión Social de Personas con Discapacidad 
  • O Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad (CERMI) 
  • Grupo ILUNION 
  • A Federación Empresarial Española de Asociaciones de Centros Especiales de Empleo (FEACEM) 

ALIANZAS 

Como parte da súa estratexia de xestión, a Asociación Inserta Innovación incorpora un elemento no establecemento de alianzas con entidades de natureza pública e privada, co fin de desenvolver programas e proxectos conxuntos, que faciliten a cualificación profesional e a integración laboral das persoas con discapacidade mediante a formación e a creación de postos de traballo estables. 

Colaboracións co movemento asociativo 

A colaboración co movemento asociativo das persoas con discapacidade é para a Asociación Inserta Innovación un factor clave e determinante para a identificación de necesidades e oportunidades para o colectivo e a elaboración de programas conxuntos. 

Colaboracións coas Administracións Públicas 

Da mesma forma, a colaboración coas Administracións Públicas é para a Asociación Inserta Innovación un factor clave e determinante para a identificación de necesidades e oportunidades para o colectivo, así como unha fonte de recursos mediante a celebración de contratos e convenios de colaboración. 

CENTROS 

Actualmente, a Asociación Inserta Innovación ten oficinas nos seguintes territorios. 

  • ANDALUCÍA: Sevilla, Córdoba e Xerez 
  • CANTABRIA: Santander 
  • GALICIA: Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo 
  • COMUNIDADE DE MADRID: Madrid 
  • REXIÓN DE MURCIA: Murcia 

Para máis información: insertaempleo.es/innovacion/asociacion-inserta